PP, PSOE e BNG debaterán sobre a Lei de Caixas este venres en Vilalba Un dos puntos fortes da actualidade económica galega, a Lei de Caixas, coa posible fusión das dúas principais entidades galegas, Caixanova e Caixa Galicia, como telón de fondo, terá o seu espazo de discusión este venres en Vilalba. Os deputados no parlamento de Galicia, o popular Agustín Baamonde, a socialista Sonia Verdes e o nacionalista Fernando Blanco, serán os protagonistas dun debate a tres bandas sobre unha cuestión que pode resultar decisiva para o devir económico de Galicia. O lugar escollido será o salón de actos do Centro Cultural Recreativo a partir das 20.15 horas do serán. Os tres políticos lugueses porán enriba da mesa a posición dos seus partidos sobre a negociación do futuro texto, a urxencia ou non da reforma das entidades crediticias galegas, a necesidade dun cambio da estrutura de goberno das dúas caixas, a súa parcialidade ou totalidade e o calendario para levalo adiante, os requisitos para formar parte do seu órgano directivo, a representación dos diferentes sectores sociais, o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno Central, ou a conveniencia ou non da posible fusión entre Caixanova e Caixa Galicia. O acto está organizado polo xornal Terra Chá.Xa e o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e será retransmitido en directo por Radiofusión (Rede de Emisoras Municipais Galegas) a partir das 20.30 horas.
|