O Instituto de Estudios Chairegos, como vén sendo habitual dende a súa fundación, organizou a tradicional Ruta Chairega, que este ano alcanzou xa a súa novena edición. Celebrouse o domingo, 14 de xuño, percorrendo, nesta ocasión, unha parte da Ruta de Sendeirismo MIÑO-EO, aló polas terras de Meira. A distancia total foi de 12 km, aproximadamente. Participaron máis de 50 persoas.
Ao ramatar a ruta, despois de dar boa conta das pronunicadas subidas e baixadas -que llo pregunten a algún que sei eu- e de contemplar as fermosas paisaxes da Serra de Meira -un pouco agochadas, iso si, por mor da néboa- houbo que repoñer forzas cunha suculenta comida en Casa Horacio no Chao de Pousadoiro. Nos postres non faltou a divertida, fina e incisiva intervención do mantenedor oficial para estas ocasións.
A cuota estipulada foi de 20 € por adulto (inclúía a comida e o autobús), sendo de balde para os menores acompañados.
O traslado dos participantes nesta ruta fíxose en autobús dende Vilalba deica o Pedregal de Irimia, con saída ás 9,00 horas e retornamos pola tardiña, a iso das 7 da tarde, tamén en autobús.
Dende que ramatou esta ruta, os membros da Xunta Directiva do IESCHA xa están facendo os preparativos para a seguinte, que se vai levar a cabo en Camariñas, aló polo mes de setembro. Nesta ocasión haberá menos costas, ou cando menos, a ruta estará catalogada de dificultade baixa -segundo a táboa oficial prevista para estes mesteres-.