XORNAL DE GALICIA PDF Imprimir Correo-e

VENRES, 24 DE ABRIL DE 2009

 

PRESENTADO EN VILALBA O DIARIO

 

XORNAL DE GALICIA

 

CASA DA CULTURA DE VILALBA

 

O director de Xornal de Galicia, José Luis Gómez, e o xornalista Moncho Paz, colaborador deste diario, presentaron o pasado venres, 24 de abril, na remozada Casa da Cultura de Vilalba, o diario impreso Xornal de Galicia e o diario dixital Xornal.com, convertíndose deste xeito a nosa vila na primeira localidade galega onte tivo lugar un evento destas características dende a saída á rúa do diario de información xeral, en decembro de 2008.

Organizaron o evento o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e A Voz de Vilalba. Outras organizacións que tamén colaboraron neste acto son Terra Chá.Xa e Radiofusión.

Trala presentación do xornalista vilalbés Moncho Paz, José Luis Gómez, director de Xornal de Galicia, quixo comezar a súa intervención destacando a gran importancia que tivo Vilalba na prensa escrita de comezos do século XX, tanto pola súa calidade coma pola cantidade de cabeceiras. A continuación, e de maneira detallada, explicou o proceso que se levou a cabo para sacar á venda o diario impreso, a integración de Xornal.com como diario dixital de Xornal de Galicia, a liña editorial e a estrutura da redacción, que se caracteriza por ser a primeira redacción integrada de Galicia. Comentou tamén que  Xornal de Galicia é un diario de información xeral cuxo ámbito de ámbito de difusión abarca toda Galicia, con especial atención ás súas grandes áreas metropolitanas, contando con tres redaccións nas principais cidades de Galicia: Vigo, Santiago e A Coruña. A redacción do diario está integrada por recoñecidos profesionais do xornalismo galego. Explicou tamén que a  empresa Xornal de Galicia SA, editora do diario, está integrada en Udramedios, a cabeceira da división de medios de comunicación do Grupo San José, unha gran empresa multinacional  e con capital galego, que opera en diversos sectores (construción, inmobiliario, concesións e infraestruturas, servizos, tecnoloxía, enerxía, e comunicación).

Con respecto á lingua, comentou que polo seu gusto persoal, o diario publicariase íntegramente en galego, pero que atendendo a outras razóns, principalmente empresariais, edítase en galego o 30%.

Reivindicou tamén a prensa de tendencias, e augurou que, máis tarde ou máis cedo, os grandes grupos de comunicación do Estado introduciríanse en Galicia.

Trala intervención de José Luis Gómez, abriuse un turno de preguntas dando lugar a un interesante debate coa intervención de varios asistentes ao acto que deixaron constancia no só dos seus coñecementos sobre a materia senón tamén da súa capacidade crítica.     

VER CARTEL ANUNCIADOR

 


 
< Anterior   Seguinte >