Nacemento e historia PDF Imprimir Correo-e

Instituto de Estudios Chairegos O Instituto de Estudios Chairegos xermola nun parladoiro entre amigas e amigos, en pleno corazón da Chaira, no lusco e fusco do verán do ano 2000. Fálase da necesidade de creación dunha entidade cultural de ámbito chairego que permita coñecer mellor a nosa comarca e posibilite a súa maior presenza pública. Non se comparte a concepción abusivamente restritiva do concepto de cultura que a identifica coa lectura e a escritura. Pénsase que hai manifestacións culturais tan respectábeis coma esas e que deben ser obxecto de investigación e recuperación: a fermosa arquitectura rural feita por canteiros moitas veces iletrados (cruceiros, cruces, petos de ánimas...), a música tradicional, a arte dos máis variados oficios (zoqueiros ou cesteiras, oleiros ou elaboradoras de queixos), a literatura oral (lendas, contos, cantigas, refráns, adiviñas, ditos), etc. Téimase nunha ampla concepción cultural que conxugue investigación científica actual e respecto polas tradicións, formulando un proxecto sociocultural que busca revalorizar o papel da nosa bisbarra no conxunto da cultura galega. Neste contexto de diálogo e de consenso nace o Instituto de Estudios Chairegos, que paseniñamente se vai facendo realidade en xuntanzas posteriores.