O CAMIÑO NORTE DE SANTIAGO EN IMAXES PDF Imprimir Correo-e

E X P O S I C I Ó N

”O CAMIÑO NORTE DE SANTIAGO EN IMAXES”

Inauguración da Exposición e presentación do Libro-Catálogo da mesma

DO 30 DE NOVEMBRO AO 21 DE DECEMBRO DE 2007


 

 


O pasado venres, día 30 de novembro, na sala de exposicións do Auditorio “Carme Estévez” de Vilalba, coa asistencia de numeroso público, levouse a cabo a inauguración da exposición O Camiño Norte de Santiago en Imaxes e a presentación do catálogo da mesma. A mostra permanecerá aberta durante o mes de decembro.


A mostra está integrada por dezaoito paneis, nos que se explican a orixe e desenvolvemento deste Camiño, reflíctense os itinerarios dos distintos treitos do mesmo e reprodúcense fotograficamente corenta e dous obxectos culturais, os máis representativos que se produciron ou que se acumularon por parte das persoas e institucións relacionadas con este itinerario. Os devanditos artefactos foron fotografados maxistral-mente por Valentín Purriños.Pola súa banda, o mencionado catálogo consta dun limiar e de catro capítulos, nos que se amosan os aspectos históricos máis directamente relacionados con este tramo galego do Camiño Norte de Santiago (dende Ribadeo até Arzúa), e así mesmo confórmano corenta e dúas fotografías de monumentos, esculturas, pinturas, pezas de ourivería ou doutras materias relacionadas con este itinerario xacobeo. 

A coordinación do catálogo e da exposición, así como a escolleita de fotografías e redacción dos textos correu a cargo de José-Luis Novo Cazón. Pola súa parte, do deseño, maquetación e corrección lingüística ocupáronse Arturo Gómez Mato e Xosé María Felpeto Enríquez.

O financiamento desta actividade, organizada polo IESCHA, foi por conta da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, a través da súa Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.  Amosando unha fina sensibilidade cara este tipo de actos, achegou unha axuda de oito mil euros, que lle foi concedida ao IESCHA acolléndose a unha Orde de subvencións para actividades desta natureza.

No acto de apertura da exposición e de presentación do catálogo interviron: Carme Pernas, vicepresidenta do Instituto de Estudios Chairegos, presentando o acto; José-Luis Novo Cazón, que proxectou e comentou algunha das fotografías máis salientables; Valentín Purriños, que explicou as dificultades da toma das trescentas instantáneas, e Ignacio Rodríguez Eguíbar, xerente da SA de Xestión do Plan Xacobeo, que pechou o acto. Estaba prevista tamén a presenza de Felipe Arias Vilas, director xeral do Patrimonio Cultural, pero problemas de axenda de última hora impedíronlle participar na inauguración.

Amenizou o acto o grupo de música galega “Buxos Verdes”, que obsequiou aos asistentes con algunhas pezas do seu repertorio.

Dado que esta actividade pretende contribuír a investigar, divulgar e pór en valor esta ruta xacobea, o IESCHA aproveita a ocasión para ofrecerlles á todos os concellos polos que transcorre a ruta a posibilidade de instalaren no futuro en dependencias dos seus respectivos municipios esta exposición, pois foi concibida coa pretensión de ser itinerante. 

 
< Anterior   Seguinte >