|
EXPOSICIÓN DE PINTURA JESÚS TRASTOY
Inauguración VENRES, 26 DE AGOSTO DE 2011 - 20,30 horas AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA do 26 de agosto ao 16 de setembro 
Coincidindo co inicio das festas de San Ramón e Santa María, o vindeiro venres, día 26 de agosto de 2011, ás 20,30 horas, na Sala do Auditorio Municipal de Vilalba, levarase a cabo a inauguración da Exposición de Pintura do artista vilalbés JESÚS TRASTOY, nun acto organizado polo Instituto de Estudios Chairegos. A mostra, que poderá ser visitada dende o mesmo día 26 de agosto ata o 16 de setembro, en horario do Auditorio, está formada por 54 cadros distribuídos nas seguintes temáticas: * Recantos Vilalbeses * Persoeiros * Varios * Bodegóns * Acuarelas * Plumiñas * Caricaturas A linguaxe figurativa que Jesús Trastoy plasma nos seus cadros, utilizando técnicas diversas, aplícaa a temas moi variados. Con todo, sinte predilección polos recantos máis pintorescos e recónditos de Vilalba e doutros pobos mariñeiros, polos animais, por persoeiros cos que tivo algunha relación ... Deu a coñecer a súa xa extensa obra a través de exposicións e certames. Participou nunha exposición colectiva no colexio lucense de Fingoi. Asistiu a certames en Burela, en Begonte (con motivo do Belén), nos de maiores convocados pola Xunta de Galicia: no correspondente ao ano 2004 foi finalista con dúas obras, Escravos do móbil e As catro estacións; e no do ano en curso exhibiu outras dúas, A Santa Compaña e Outono no Courel. ------------------------------------------------------- JESÚS TRASTOY SAAVEDRA naceu na popular e histórica rúa da Porta de Cima de Vilalba o día 12 de setembro de 1941. Nos anos da súa actividade laboral dedicou o tempo á construción e á telefonía, traballando en distintas empresas e en lugares moi espallados. Esta circunstancia impediulle desenvolver unha das actividades pola que sentía verdadeira paixón: a pintura. Con todo e con iso, unha parte importante do seu tempo de lecer ocupouno na visita a exposicións de pintura, preguntándose a miúdo “como se podería facer algo como o que facían os que expoñían”. Logo dunha intensa vida de traballo, chegoulle a prexubilación, e con ela a posibilidade de gobernar a súa existencia. Foi daquela cando se iniciou nas complicadas artes do pincel, asistindo a cursiños impartidos en Vilalba por Maximiliano López e Manolo Carballeira. A partir de entón e xa instalado definitivamente na súa vila natal, foi “argallando á súa maneira” e desenvolvendo unha xa longa traxectoria como pintor na dourada idade da xubilación. Logrou converter esta nun auténtico xúbilo estético.
|