Novas
PRESENTACIÓN "DA CHÁ AO LONXE" PDF Imprimir Correo-e
PRESENTACIÓN DO LIBRO


“DA CHÁ AO LONXE” de RAFA YÁÑEZ


VENRES, 3 DE XUÑO DE 2011 – 20,30 horas
CENTRO CULTURAL E RECREATIVO DE VILALBA
 O vindeiro venres, día 3 de xuño de 2011, ás 20,30 horas, no Centro Cultural e Recreativo, o Instituto de Estudios Chairegos organiza o acto de presentación en Vilalba do libro de poemas “DA CHÁ AO LONXE”, de Rafael Yáñez. No acto intervirán o propio Rafa Yáñez; Bernardo García Cendán e Chema Felpeto.

 
En palabras do autor o poemario Da Chá ao lonxe “…é un libro íntimo e cheo de morriña, como se fose deseñado polos ollos de neno que xa non teño aderezado coa visión crítica de adulto.

 
Nel xúntase a impotencia ante os feitos da vida co optimismo de ter que vivila e saber que hai un lugar onde xa se foi feliz”.
 

________________________________________ 

RAFAEL YÁÑEZ JATO é Licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid.Membro do Grupo Bilbao.Poemarios publicados: “Onte Chovía”, “Lembranzas e olvidos dun estraño”

Vive en Madrid e traballa na Universidade Complutense.


 
 
OS TROBADORES DE OCCITANIA PDF Imprimir Correo-e
PRESENTACIÓN DO LIBRO
“OS TROBADORES DE OCCITANIA”
de DARÍO XOHÁN CABANA
VENRES, 27 DE MAIO DE 2011 – 21,00 horas
CENTRO CULTURAL E RECREATIVO DE VILALBA 
 O videiro venres, día 27 de maio de 2011, ás 21,00 horas, no Centro Cultural e Recreativo, o Instituto de Estudios Chairegos organiza o acto de presentación en Vilalba do libro “OS TROBADORES DE OCCITANIA”, edición, escolma e traducións de Darío Xohán Cabana. No acto intervirán  o propio Darío X. Cabana e Manuel Roca Cendán.Entre o ano 1100 e as décadas finais do século XIII a lingua occitana ou provenzal serviu de vehículo a unha poesía lírica de extraordinaria beleza e dunha complexidade e perfección formal superior á de todas as anteriores de calquera parte do mundo. Por outra banda, esta poesía traía consigo unha auténtica revolución do sentimento: a nosa concepción do amor naceu cos trobadores, e non só a concepción do amor, senón tamén a da liberdade sexual, e mesmo a semente da igualdade entre os homes e as mulleres.
A poesía dos trobadores occitanos está na base das outras grandes líricas europeas medievais, nacidas a partir dela e en boa parte grazas ao seu exemplo: a francesa en lingua de oíl, a alemá do Minnesang, e finalmente a galega que floreceu non só en Galicia e Portugal, senón tamén nos reinos de León e Castela. A través da experiencia do Dolce Stil Nuovo e do Petrarca, o espírito dos trobadores occitanos continúa sen interrupción na lírica do Renacemento e chega sen ruptura aos nosos días.

Esta escolma comprende máis de 180 poemas duns oitenta trobadores que van dende o duque Guillerme IX de Aquitania, auténtico fundador da poesía moderna europea, até o crepuscular Guiraut Riquièr, pasando por Jaufré Rudèl, Marcabrú, Bernart de Ventadorn, Raimbaut d’Aurenga, Guiraut de Bornelh, Guilhem de Berguedan, Arnaut Danièl, Bertran de Bòrn, a Condesa de Dia, Raimbaut de Vaqueiràs, Pèire Vidal, Uc de Sant Circ, Sordèl, Pèire Cardenal ou Cerverí de Girona.

A edición é bilingüe, cos textos occitanos establecidos e ortografados polo propio tradutor a partir das mellores edicións críticas, e cunha tradución en verso (que é a principal), feita á maneira das anteriores traducións poéticas de Darío Xohán Cabana, é dicir, en verso rimado, coma as d’A Divina Comedia, a Vita Nuova, o Cancioneiro de Francesco Petrarca ou a Antoloxía do Doce Estilo Novo. Ademais, acompáñase unha tradución literal para servir de chave de acceso á lectura dos textos orixinais. Os textos poéticos están precedidos por un amplo limiar histórico e literario, e seguidos por un apéndice no que, á parte das notas filolóxicas e eruditas convenientes para profundar nos textos, figuran biografías e análises críticas dos trobadores escolmados.

A parte central da obra, é dicir, a que contén os poemas, ten un deseño especial do propio autor, a catro columnas por plana, contendo as páxinas pares os textos orixinais e as traducións literais, en dúas columnas desiguais, e as páxinas impares, simétricas, as traducións en verso xunto con algunhas notas de lectura. A poesía dos trobadores occitanos está aínda viva, e é un dos feitos fundamentais da historia literaria de Europa e do mundo. Para nós, os galegos, é aínda máis importante se cabe, pois a nosa poesía medieval, fundamento da nosa identidade literaria, é en certa maneira filla natural e lexítima dela. Esta antoloxía, unha das máis extensas que existen e única no mundo pola forma das súas traducións, é un recoñecemento desa débeda impagable.
 
III CERTAME DE PINTURA RÁPIDA PDF Imprimir Correo-e

III  CERTAME DE PINTURA


RÁPIDA DE VILALBA

 

Sábado, 4 de xuño de 2011


 O Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba convoca o III Certame de Pintura Rápida, de acordo coas seguintes                                                     

 Bases 

1. LUGAR E DATA DA CELEBRACIÓN
Sábado, 4 de xuño de 2011, en Vilalba (Lugo) 

2. PARTICIPANTES

Poderán participar todos os artistas que o desexen. Acudirán provistos do material necesario, incluíndo o cabalete onde se exporá a súa obra.  

3. SOPORTE
Só se admite un soporte por concursante. A tea, papel ou taboleiro debe estar montado sobre bastidor ou material ríxido, totalmente en branco e de superficie lisa. O tamaño será dun mínimo de 50 cm. e dun máximo de 116 cm. en calquera dos seus lados. 

4. SELADO
Os participantes presentaranse o mesmo día do Certame na Praza da Constitución de Vilalba entre as 9:00 e as 11:00 horas para o selado e numeración do soporte.  Os que o desexen poderán selar dous soportes, aínda que só poderán presentar un a concurso.

5. TEMA
O casco urbano de Vilalba e Paseo Fluvial e zona recreativa da Madalena. O cadro pintarase diante do motivo escollido polo pintor (in situ) e ha ser perfectamente recoñecible, non aceptándose o uso de fotografías, reproducións, etc. para a realización do mesmo. A organización supervisará a situación de cada participante.  

6. TÉCNICA
As técnicas pictóricas admitidas serán: óleo, acrílico e  acuarela.

7. ENTREGA E EXPOSICIÓN
O Certame remata ás 17:30 horas, debendo presentarse todos os participantes cos seus traballos sen asinar nos soportais da Praza da Constitución para seren expostos a continuación nos seus cabaletes. Membros da organización recollerán dende as 16:00 horas as obras de aqueles que o desexen. 

8. XURADO
O Xurado estará composto polo Presidente do Instituto de Estudos Chairegos (ou persoa en quen delegue) e dúas persoas relacionadas co mundo da Arte. 

9. DITAME E ENTREGA DE PREMIOS
O Xurado reunirase unha vez expostas as obras para elixir as premiadas. O ditame, que será inapelábel, darase a coñecer sobre as 19:00 h., procedendo de contado á entrega dos premios. As persoas premiadas deberán asinar as súas obras. 

10. PREMIOS
O Certame estará dotado cos seguintes premios:


1º: 1.200 €              
2º:    900 €
3º:    700 € 

Concederanse tamén dous accésits de 500 € cada un e patrocinados por:


* TAR Asesores-Librería Pergamino2
*  Representaciones Cabarcos. 

O Xurado poderá declarar deserto algún dos premios ou accesits.  

11. PROPIEDADE DAS OBRAS
As obras premiadas pasarán a ser propiedade das entidades que outorguen os premios, que tamén se reservan os dereitos de reprodución.  

12. EXPOSICIÓN E VENDA
As obras non premiadas poderán continuar expostas para a súa venda ao público até as 20,00 horas, debendo ser retiradas polos autores a partir dese momento. 

13. CONFORMIDADE
A participación supón a plena aceptación das presentes bases, así como calquera modificación sobre as mesmas que redunde no beneficio do Certame.
 


 

 
DEBATE MUNICIPAIS-2011 PDF Imprimir Correo-e

 DEBATE ELECTORAL


Municipais-2011


Sábado, 14 de maio de 2011


Centro Cultural e Recreativo de Vilalba



 O Instituto de Estudios Chairegos “Pena do Encanto” incluíu na súa programación do ano 2011 a realización dun debate coincidindo coas eleccións municipais do vindeiro 22 de maio.
Con este motivo, o IESCHA, xunto co xornal dixital A VOZ DE VILALBA, organiza un debate que se celebrará o vindeiro día 14 de maio, a partir das 20,00 horas, no salón de actos do Centro Cultural e Recreativo. 

O acto será moderado polo xornalista MONCHO PAZ, e nel participarán os tres cabezas de listaxe dos partidos que presentaron as súas correspondentes candidaturas: Tereixa Burgo García, polo BNG; Gerardo Criado Guizán, polo PP, e Eduardo Vidal Baamonde, polo PSOE.

O IESCHA convida a todos os cidadáns do concello de Vilalba a asistir ao mencionado acto, para que podan coñecer por boca dos tres candidatos os correspondentes programas electorais, que pretenden constituír outras tantas propostas de solución aos problemas que cómpre resolver para conseguir un futuro mellor para o noso concello. 


 
PRESENTACIÓN DO LIBRO PDF Imprimir Correo-e
“EN CASTELLANO NO HAY PROBLEMA”

de CARLOS CALLÓN

VENRES, 13 DE MAIO DE 2011 - 20,30 horas


CASA DA CULTURA DE VILALBA


 O vindeiro venres, día 13 de maio, ás 20,30, na Casa da Cultura de Vilalba terá lugar a presentación do libro “En castellano no hay problema”, do que é autor Carlos Callón, presidente de A MESA pola Normalización Lingüística.

Carlos Callón une neste libro textos que abordan a situación do idioma galego nos últimos tres lustros, deténdose con máis vagar na política lingüística do período do bipartito e do comezo da lexislatura de Alberto Núñez Feijóo. Nestas páxinas o autor, ademais de rebater con argumentos algúns dos prexuízos e tópicos máis asentados contra a lingua galega, analiza a situación do idioma, repasa reivindicacións, presenta alternativas, convida ao protagonismo individual para transformar a sociedade e alerta das medidas que deberían adoptar os poderes públicos. En castellano no hay problema é, en definitiva, un libro útil e operativo para a encrucillada en que se encontran a nosa lingua e a nosa cultura. (AGAPEA.COM)

No acto intervirán o propio autor do libro, Carlos Callón, e Xosé Mª Felpeto Enríquez, membro da Xunta Directiva do IESCHA.

 ______________________________________________________________________

Carlos Manuel Callón Torres, nado en Santa Uxía de Ribeira o 26 de agosto de 1978, é licenciado en filoloxías galega e portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerce como profesor de lingua e literatura galega no ensino secundario.

Foi concelleiro por parte do BNG na súa vila natal entre xaneiro de 2001 e xuño de 2002, e membro do Consello Asesor de RTVE en Galicia entre 2001 e 2002. A partir de 1995 ocupou diversas responsabilidades na Mesa pola Normalización Lingüística, organización de cuxa xunta directiva nacional é membro dende 1995 e que preside desde 2002. É presidente tamén do padroado da Fundación Vía Galego, desde a súa constitución en 2006. Preside tamén a Fundación Via Galego e a federación estatal Diverslinguae, desde a constitución de ambas, en 2006 e 2008, respectivamente.É membro do grupo Galabra da USC e do consello de redacción de Longalingua. Publicación galega de lingua e sociedade. Colaborou nos primeiros pasos da Biblioteca Virtual Galega, da Universidade da Coruña.

Obra

É autor de diversos traballos centrados na sociolingüística e mais nos estudos literarios, dados a coñecer en diferentes congresos e revistas especializadas. Así mesmo, é autor dos libros Unha historia que nos pertence (A obra poética en galego de Lorenzo Varela) (2005) e En castellano no hay problema (2010) -o libro que se presenta neste acto-, no cal aborda a situación do idioma galego nos últimos tres lustros, facendo especial fincapé na política lingüística do bipartito e do comezo da lexislatura de Alberto Núñez Feijóo.

En febreiro de 2011 gañou o XVI premio Vicente Risco de Ciencias Sociais coa obra Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, na que analiza a aceptación da adelphopoiesis na Idade Media. Entre outra documentación, analiza un documento de 1061 recollido no Tombo de Celanova, polo cal Pedro Díaz e Muño Vandilaz subscribían unión en Rairiz de Veiga. 
 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 Seguinte > Final >>

Resultados 10 - 18 de 75