Novas
I TAL COMO ERAMOS-GUITIRIZ PDF Imprimir Correo-e

  

Entre o 23 de xuño e o 15 de agosto pódese visitar a I Exposición "Tal Como Eramos-Fotos para o Recordo" que o Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Guitiriz e Foto Kantero, organiza na Escola Habanera da referida localidade chairega.
Nela pódense contemplar unha variada mostra de imaxes de distintas épocas e actividades que teñen como tema central o concello de de Guitiriz.

 
CASA MUSEO MANUEL MARÍA PDF Imprimir Correo-e

PRESENTACIÓN DO PROXECTO

CASA MUSEO DE MANUEL MARÍA

VENRES, 18 DE XUÑO DE 2010-20,30 horas

NO SALÓN DE ACTOS DO CENTRO CULTURAL E RECREATIVO DE VILALBA

 

 O venres, 18 de xuño, ás 20´30 horas, terá lugar no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba a presentación do proxecto de Casa Museo Manuel María, que está previsto executar nos próximos anos na casa natal do patriarca chairego, en Outeiro de Rei.

Intervirán neste acto Saleta Goi, presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, Alberte Ansede, secretario desa Fundación e Manuel Roca Cendán, directivo do IESCHA.

Ademais da proxección de imaxes que recrean virtualmente a que vai ser Casa Museo Manuel María, neste acto presentarase a Asociación de Amigos da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, que se constituíu en Santiago de Compostela o día 17 de abril de 2010.


 
X RUTA CHAIREGA PDF Imprimir Correo-e

O INSTITUTO DE ESTUDIOS CHAIREGOS ORGANIZA A

”X RUTA CHAIREGA”

RUTA DO AZÚMARA

Domingo, 20 de xuño de 2010

 

O Instituto de Estudios Chairegos, como vén sendo habitual dende a súa fundación, organiza a  tradicional Ruta Chairega, que este ano alcanza xa a súa décima edición. Celebrarase o vindeiro domingo, día 20 de xuño, percorrendo, nesta ocasión, a xeito de conmemoración dos 10 anos, a Ruta do Azúmara, por terras de Castro de Rei, como xa se fixera na 1ª edición. A distancia será de 8-9 km, aproximadamente.  

Cando remate a ruta, haberá que repoñer forzas coa comida que se realizará nesta ocasión nun restaurante da zona.  A cuota que haberá que pagar será de  20 por adulto, no caso dos asociados, e 30 no caso dos non asociados (inclúe a comida e o autobús). Os nenos/as pagarán 10. 

O traslado dos participantes nesta ruta farase en autobús dende Vilalba deica o inicio da ruta, saíndo das inmediacións da Pravia (Casa da Cultura) ás 10,00 horas e retornando pola tardiña, tamén en autobús.  Os interesados/as poden apuntarse contactando con algunha das persoas integrantes da Xunta Directiva do IESCHA ou dirixíndose a calquera dos teléfonos seguintes: 639-246459, 651-361628 ou 670-514801 (polas tardes). A data límite para inscribirse será ata mércores, 16 de xuño. 

Aproveitando a oacasión do percorrido da ruta por terras de Castro de Rei, o IESCHA quere manifestar o seu total apoio ás iniciativas encamiñadas á protección, conservación e promoción do conxunto histórico-artístico de Castro de Rei. 

 

 
OBRA COMPLETA DE GARCÍA MATO PDF Imprimir Correo-e

PRESENTACIÓN DO LIBRO


”OBRA COMPLETA – Vol. I POESIA – Vol. II PROSA”

de XOSÉ LUÍS GARCÍA MATO


Venres, 11 de xuño de 2010 – 20,30 horas
 Salón de Actos do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba          

 

 O vindeiro venres, día 11 de xuño, ás 20´30 horas, o Instituto de Estudios Chairegos organiza a presentación, no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, da Obra Completa de Xosé Luís García Mato, financiada pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo. 

A recollida e ordenación da materia prima literaria que compoñen os dous volumes desta obra foi realizada por Xosé Luís García Ferreiro, o fillo maior de Xosé L. García Mato-. A Obra Completa conta con estudos de Darío Xohán Cabana, Agustín Fernández Paz e Bernardo García Cendán, que analizan respectivamente os escritos de poesía, relatos e xornalísticos.  

No acto de presentación intervirán Antón Bao, Vicepresidente Primeiro da Deputación; Xosé Luís García Ferreiro, fillo do autor da obra; Darío Xohán Cabana, poeta e prologuista do libro; Bernardo García Cendán, sociólogo e prologuista do libro, e Manuel Castro Santamariña, presidente do IESCHA. 

Xosé Luís García Mato (1924-1980), fillo de Antonio García Hermida (1885-1939), poeta, cofundador  da Irmandade da Fala de Vilalba, e sobriño-neto de Manuel Mato Vizoso (1846-1909), foi un dos piares fundamentais do quefacer cultural de Vilalba no século XX. Ademais dunha fermosa obra poética e en narrativa, escribiu centos de artigos en diferentes xornais e nos programas das festas patronais vilalbesas e fixo achegas moi importantes ao estudo da historia da Terra Chá. 

En palabras escritas polo patriarca chairego Manuel María no prólogo do libro: Seis escritores de Villalba. Escola poética, publicado polo Colexio Público Antonio Ínsua Bermúdez, en 1986: Xosé Luís García Mato “pra nós era Vilalba: o seu escuro, poderoso e grorioso pasado. Mais tamén unha indomabel chama apaixoada,ardendo xenerosa, alumando o tempo menesteroso que lle tocou vivir (...) esa chama segue ardendo nos seus versos de amor á terra e de descobremento máxico do home, no que este ten de arrepiante, de ledo e de gozoso”.

 

 
DEBATE SOBRE O GALEGO PDF Imprimir Correo-e
 O conflito lingüístico arredor do Decreto do Galego centrará o debate entre PP, PSOE e BNG do venres 4 de xuño en Vilalba

A aprobación do Decreto do Plurilingüismo no Ensino por parte da Xunta de Galicia o pasado 20 de maio volveu a situar á lingua no centro da polémica. Mentres a oposición considera que esta normativa afectará ao uso do galego e xulga que será un grave retroceso lexislativo, o Executivo galego defende a súa utilidade para que os alumnos poidan dominar o español, o galego e o inglés, e establezan unha base para un futuro trilingüismo. Para debater esta e outras cuestións relacionadas co conflito desatado polo chamado “Decreto do Galego”, o xornal Terra Chá.Xa e o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) organizan un debate entre representantes do BNG, o PP e o PSdeG. Polos nacionalistas acudirá Antón Bao, vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo e responsable comarcal do BNG; polos populares acudirá Agustín Baamonde, deputado no Parlamento de Galicia e responsable de política lingüística na Executiva do PPdeG; e polo PSOE achegárase Xosé Carlos Ferreiro, secretario de Educación da Executiva Provincial socialista. O debate será moderado polo xornalista vilalbés Xulio Xiz A cita será no Salón de Actos do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba o vindeiro venres 4 de xuño, ás 20.15 horas. O acto será retransmitido en directo por Radiofusión (Rede de Emisoras Municipais Galegas) a partir das 20.30 horas.


 
 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 Seguinte > Final >>

Resultados 28 - 36 de 75