Novas
IV CERTAME DE PINTURA RÁPIDA PDF Imprimir Correo-e

 

   O Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba (Lugo) convoca o IV Certame de Pintura Rápida, de acordo coas seguintes



Bases


1. LUGAR E DATA DA CELEBRACIÓN

Domingo, 3 de xuño do 2012, en Vilalba (Lugo)


2. PARTICIPANTES

Poderán participar todos os artistas que o desexen. Acudirán provistos do material necesario, incluíndo o cabalete onde se expoñerá a súa obra.


3. SOPORTE

Só se admite un soporte por concursante. A tea, papel ou taboleiro debe estar montado sobre bastidor ou material ríxido, totalmente en branco e de superficie lisa. O tamaño será dun mínimo de 50 cm. e dun máximo de 116 cm. en calquera dos seus lados.


4. SELADO

Os participantes presentaranse o mesmo día do Certame na Praza da Constitución de Vilalba entre as 9:00 e as 11:00 horas para o selado e numeración do soporte. Os que o desexen poderán selar dous soportes, aínda que só poderán presentar un a concurso.


5. TEMA

A zona urbana de Vilalba -é día de Feira-, Paseo Fluvial e zona recreativa da Madalena. O cadro pintarase diante do motivo escollido polo/a pintor/a (in situ) e ha de ser perfectamente recoñecible, non aceptándose o uso de fotografías, reproducións, etc. para a realización da obra. A organización supervisará a situación de cada participante.

 

6. TÉCNICA

As técnicas pictóricas admitidas serán: óleo, acrílico e acuarela.


7. ENTREGA E EXPOSICIÓN

O Certame finaliza ás 17:30 horas, debendo presentarse todos os participantes cos seus traballos sen asinar nos soportais da Praza da Constitución para ser expostos a continuación nos seus cabaletes. Membros da organización recollerán dende as 16:00 horas as obras daqueles que o desexen.


8. XURADO

O Xurado estará composto polo Presidente do Instituto de Estudos Chairegos (ou persoa en quen delegue) e dúas persoas relacionadas co mundo da arte.


9. DITAME E ENTREGA DE PREMIOS

O Xurado reunirase unha vez expostas as obras para elixir as premiadas. O ditame, que será inapelable, darase a coñecer sobre as 19:00 h., procedendo de inmediato á entrega dos premios. As persoas premiadas deberán asinar as súas obras.

10. PREMIOS

O Certame estará dotado cos seguintes premios:


1º: 1.200 €

2º:    900 €

3º:    700 €


O Xurado poderá declara
r deserto algún dos premios.


11. PROPIEDADE DAS OBRAS

As obras premiadas pasarán a ser propiedade da entidade que outorga os premios, que tamén se reserva os dereitos de reprodución.


12. EXPOSICIÓN E VENDA

As obras non premiadas poderán continuar expostas para a súa venda ao público ata as 20,00 horas, debendo ser retiradas polos autores a partir dese momento.

13. CONFORMIDADE

A participación supón a plena aceptación das presentes bases, así como calquera modificación sobre estas que redunde no beneficio do Certame.


 

 
OS CAMIÑOS DA CHAIRA NA POESÍA PDF Imprimir Correo-e

 PRESENTACIÓN DO LIBRO "OS CAMIÑOS DA CHAIRA NA POESÍA"

Vilalba acollerá o vindeiro venres 11 de maio, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de  Vilalba, a presentación do libro “Os camiños da Chaira na poesía”, unha antoloxía poética de autores chairegos do século XX coa imaxe dos nosos CAMIÑOS na  lembranza, como expresión literaria e sentimental das propias emocións. A edición, numerada, foi preparada pola Equipa de Normalización Lingüística do I.E.S. Basanta Silva (Vilalba) en apoio á declaración dos camiños do Norte como patrimonio mundial  pola UNESCO. As imaxes foron cedidas polo Instituto de Estudios Chairegos.
No acto intervirán: Pepe Legazpi, director do IES Basanta Silva; Javier Bañobre, Vicepresidente da ANPA; os profesores José-Luís Novo Cazón e Ricardo Polín, e o presidente do IESCHA, Manuel Castro Santamariña.

Aínda que as institucións locais non se teñan implicado o suficiente e mesmo os territorios afectados non sexan conscientes da importancia deste evento, o certo é que
neste intre a UNESCO está a revisar a candidatura conxunta apresentada polos gobernos da cornixa cántabra (Galiza, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e La Rioja) para que os chamados “camiños do Norte” obteñan este ano a proclamación oficial como Patrimonio Mundial e, por ende, o seu recoñecemento como as vías a Compostela máis antigas do mundo.

A iniciativa é consecuencia do acordo tomado hai un ano polo Consejo del Patrimonio Histórico Español, de tal xeito que o Estado español concorreu en 2012 coa candidatura dos Caminos de Santiago del Norte de la Península, incluíndo o Camiño da Costa que se adentra pola Terra Chá, o Camiño Primitivo por Lugo, o Camiño interior vasco, a Rota lebaniega e o camiño navarro “do Baztán”.

Dado que a UNESCO valora especialmente o compromiso dos diferentes sectores sociais co elemento patrimonial obxecto de protección, a Equipa de Normalización Lingüística do Instituto Basanta Silva de Vilalba veu traballando desde hai ano e medio nun proxecto cultural e educativo que divulgase e avalase esta candidatura, facéndoo desde a consideración dos camiños tradicionais como itinerarios de carácter espiritual que propician o encontro do ser humano consigo mesmo e o cultivo das emocións na procura dun sentido para a vida, un camiño interior que atopa o seu eco na voz dos poetas chairegos do século XX a través dunha fermosa antoloxía onde a palabra se confunde coa imaxe dos nosos CAMIÑOS na lembranza, expresión literaria e sentimental en prol da que colaborou o IESCHA con fotografía antiga de escenas camiñeiras e vellas calzadas na xeografía chairega de outrora.
Un proxecto nado en Vilalba e que no seu momento xa permitiu humanizar con poesía dos camiños a rehabilitada rúa Porta de Cima, paso da rota xacobea Norte pola capital da Terra Chá. Un pequeno fetiche que algún día servirá para conmemorar o día en  que os camiños do Norte gozaron da máis alta distinción, incluíndo un coidado limiar sobre o histórico vincallo existente entre o mundo das letras e os camiños de toda a vida, tamén o complexo vieiro polo que transitou secularmente a nosa lingua. (R. Polín)


 

 
ASEMBLEA XERAL ORDINARIA PDF Imprimir Correo-e

 ASEMBLEA DO IESCHA-NO SALÓN DE ACTOS DO CENTRO CULTURAL E RECREATIVO DE VILALBA-30 DE MARZO'2012-20:30

O Instituto de Estudios Chairegos convoca a todos os seus asociados á Asemblea Xeral Ordinaria que terá lugar no Salón de Actos do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba (e non na Casa da Cultura, como estaba fixado nun principio), mañá venres, día 30 de marzo de 2012, ás 20,15 horas en primeira convocatoria -20,30 horas en
segunda-, coa seguinte:

ORDE DO DÍA

1.- Lectura da Acta da anterior Asemblea.
2.- Memoria de Actividades do ano 2011.
3.- Plano de Actividades para o ano 2012.
4.- Estado de contas. Balance económico ano 2011.
5.- Orzamento ano 2012.
6.- Propostas da Xunta Directiva.
7.- Rogos e preguntas.

 

 
CRUCEIROS DO CONCELLO DE VILALBA PDF Imprimir Correo-e
 PRESENTACIÓN DO LIBRO
CRUCEIROS DO CONCELLO DE VILALBA
de Fernando Arribas Arias, José Manuel Blanco Prado e Mario Saavedra Pérez
VENRES, 23 DE MARZO DE 2012-20,00 horas
NO SALÓN DE ACTOS DA CASA DA CULTURA DE VILALBA

O Instituto de Estudios Chairegos de Vilalba continuando cos actos programados para o presente ano 2012, organiza a presentación do libro “Cruceiros do Concello de Vilalba” do que son autores: Fernando Arribas Arias, Xosé Manuel Blanco Prado e Mario Saavedra Pérez, que terá lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura de Vilalba o vindeiro venres, día 23 de marzo, ás 20.00 horas e intervirán no mesmo: Fernando Arribas Arias, Xosé Manuel Blanco Prado e Mario Saave-dra Pérez, autores do libro; Manuel Castro Santamariña, presidente do IESCHA e Mario Outeiro, delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.

O libro, editado polo propio IESCHA, dentro do convenio suscrito coa Área de Cultura-Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, consta de máis de seiscentas páxinas e está dividido en varios apartados: un limiar de Xavier Rodríguez Barrio; unha introdución dos propios autores; o capítulo I, coa descrición detallada de cada un dos cruceiros coas súas correspondentes fotografías; o capítulo II, coas seccións tipolóxicas das bases dos cruceiros; o capítulo III, coas tipoloxías dos cruceiros; e o capítilo IV, que recolle unha ampla bibliografía sobre o tema.

Os autores xa están traballando no volume II que recollerá os cristos e as cruces do concello de Vilalba, que tamén editará o IESCHA.


 
PRESENTACIÓN DO LIBRO "SÁLVORA" PDF Imprimir Correo-e
 PRESENTACIÓN DO LIBRO
“SÁLVORA.
mEMORIA DUN NAUFRAXIO. a TRAXEDIA DO SANTA ISABEL” 
de XOSÉ MARÍA FERNÁNDEZ PAZOS
CASA DA CULTURA DE VILALBA
VENRES, 24 DE FEBREIRO DE 2012
20:30 HORAS

Vilalba acollerá o vindeiro venres 24 de febreiro a presentación do libro Sálvora. Memoria dun naufraxio, sobre a traxedia do vapor-correo Santa Isabel, que afundiu no inverno de 1921 preto da illa de Sálvora, na ría de Arousa. O acto, organizado polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e o xornal A Voz de Vilalba, terá lugar ás 20:30 horas na Casa da Cultura e contará coa presenza do autor, Xosé María Fernández Pazos, que estará acompañado polo xornalista Moncho Paz.
O xermolo deste libro foi en 1998, cando Fernández Pazos publicou na prensa unha serie de reportaxes sobre a historia do naufraxio do Santa Isabel. Era a primeira vez que se daban a coñecer imaxes sobre a construcción, o interior do buque e datos históricos sobre a traxedia do barco. Así naceu aquela primeira edición, de autor, esgotada en apenas dous anos e que recibiu numerosas loas, tanto polo propio relato dos acontecementos como polas características da edición. Ao se cumpriren os 90 anos do naufraxio, sae novamente nunha edición en rústica e corrixida.  O limiar é de Xosé Ramón Barreiro, historiador e ex-presidente da Real Academia Galega.
Xunto coas mulleres da illa de Sálvora, o segundo oficial do barco, o ferrolán Luis Cebreiro, foi o responsable de salvar a medio cento de persoas. A historia daquel suceso permañeceu durante anos no anonimato oficial, a pesares de que na memoria colectiva das vilas da ría de Arousa lembrouse sempre a traxedia.
Varios cidadáns naturais da provincia de Lugo viaxaban no Santa Isabel: Pedro Ocampo Pérez (de 40 anos), Angela Cacharrón Gómez (21), Eugenia González Castro (25), José María Méndez Rodríguez (17), Ludovina Fernández (21), Dolores Neira Dúbida (18), Gervasio Neira Fernández (24) e Manuel Quiroga García, entre outros. As súas vidas correron distinta sorte. (Moncho Paz)

Xosé María Fernández Pazos naceu en Santa Uxía de Riveira. Licenciado en Xeografía e Historia, é profesor de EXB e xornalista, labor que desenvolve na Radio Galega dende a súa fundación en 1985. Foi xefe de Informativos da emisora autonómica, xefe do Servizo de Teletexto e Internet da CRTVG e responsable da área do Servizo de Radio Exterior da Radio Galega. Ao longo da súa traxectoria dirixiu e presentou programas dedicados á actualidade, ao mar, ao agro, á emigración e aás novas tecnoloxías. Conta no seu haber con numerosos premios e recoñecementos ao seu quefacer profesional. Durante varios anos mantivo unha sección fixa semanal sobre información da emigración no primeiro xornal en lingua galega, o desaparecido O Correo Galego. Publicou máis de cen artigos sobre a xeografía e a historia local, e editou varias publicacións dedicadas á comarca de Arousa e ao Concello de Riveira. Colaborador da Gran Enciclopedia Galega, participou na redacción de varias obras e publicacións sobre historia e xeografía. Actualmente é responsable do Arquivo Sonoro da emisora pública galega, da web da Radio Galega e do portal dedicado aos 25 anos da mesma. Compaxina  o seu labor profesional coa dirección e presentación do programa radiofónico de novas tecnoloxías “Banda Ancha” e coa dirección da revista de ciencia e tecnoloxía Código Cero, do portal códigocero.com e da páxina web riveira.info, dedicada á historia local.


                                                    

Ler máis...
 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 Seguinte > Final >>

Resultados 1 - 9 de 80