|
O INSTITUTO DE ESTUDIOS CHAIREGOS ORGANIZA A ”XI RUTA CHAIREGA"
POR TERRAS DE... A PASTORIZA
RUTA CAMIÑOS DO MIÑO: DE A PASTORIZA A FONMIÑÁ
Domingo, 19 de xuño de 2011
O Instituto de Estudios Chairegos, como vén sendo habitual dende a súa fundación, organiza a tradicional Ruta Chairega, que este ano alcanza xa a súa undécima edición.
Celebrarase o domingo, día 19 de xuño, percorrendo, nesta ocasión, terras de A Pastoriza, pola ruta CAMIÑOS DO MIÑO, que remata en FONMIÑÁ. A distancia total será de 15 km, aproximadamente.
Durante o percorrido da ruta, poderemos apreciar as fermosas paisaxes de Anllo, Baltar –coa súa prai fluvial-, o Castro de Sáa, Crecente e, ao remate, Fonmiñá.
Ao finalizar a ruta, haberá que repoñer forzas coa comida que se realizará nesta ocasión no restaurante Casa Horacio, do Chao de Pousadoiro.
A cuota que haberá que pagar será de 25 € por adulto e 5 € por menor acompañado (inclúe a comida e o autobús).
O traslado dos participantes nesta ruta farase en autobús dende Vilalba deica o inicio da ruta, na Pastoriza, saíndo das inmediacións da Pravia (Casa da Cultura) ás 9,30 horas e retornando pola tardiña.
Os/as interesados/as poden apuntarse contactando con algunha das persoas integrantes da Xunta Directiva do IESCHA.
|
|
|
PRESENTACIÓN "DA CHÁ AO LONXE" |
O vindeiro venres, día 3 de xuño de 2011, ás 20,30 horas, no Centro Cultural e Recreativo, o Instituto de Estudios Chairegos organiza o acto de presentación en Vilalba do libro de poemas “DA CHÁ AO LONXE”, de Rafael Yáñez. No acto intervirán o propio Rafa Yáñez; Bernardo García Cendán e Chema Felpeto. En palabras do autor o poemario Da Chá ao lonxe “…é un libro íntimo e cheo de morriña, como se fose deseñado polos ollos de neno que xa non teño aderezado coa visión crítica de adulto. Nel xúntase a impotencia ante os feitos da vida co optimismo de ter que vivila e saber que hai un lugar onde xa se foi feliz”. ________________________________________ RAFAEL YÁÑEZ JATO é Licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid.Membro do Grupo Bilbao.Poemarios publicados: “Onte Chovía”, “Lembranzas e olvidos dun estraño” Vive en Madrid e traballa na Universidade Complutense.
|
|
|
OS TROBADORES DE OCCITANIA |
PRESENTACIÓN DO LIBRO “OS TROBADORES DE OCCITANIA” de DARÍO XOHÁN CABANA VENRES, 27 DE MAIO DE 2011 – 21,00 horas CENTRO CULTURAL E RECREATIVO DE VILALBA O videiro venres, día 27 de maio de 2011, ás 21,00 horas, no Centro Cultural e Recreativo, o Instituto de Estudios Chairegos organiza o acto de presentación en Vilalba do libro “OS TROBADORES DE OCCITANIA”, edición, escolma e traducións de Darío Xohán Cabana. No acto intervirán o propio Darío X. Cabana e Manuel Roca Cendán.Entre o ano 1100 e as décadas finais do século XIII a lingua occitana ou provenzal serviu de vehículo a unha poesía lírica de extraordinaria beleza e dunha complexidade e perfección formal superior á de todas as anteriores de calquera parte do mundo. Por outra banda, esta poesía traía consigo unha auténtica revolución do sentimento: a nosa concepción do amor naceu cos trobadores, e non só a concepción do amor, senón tamén a da liberdade sexual, e mesmo a semente da igualdade entre os homes e as mulleres. A poesía dos trobadores occitanos está na base das outras grandes líricas europeas medievais, nacidas a partir dela e en boa parte grazas ao seu exemplo: a francesa en lingua de oíl, a alemá do Minnesang, e finalmente a galega que floreceu non só en Galicia e Portugal, senón tamén nos reinos de León e Castela. A través da experiencia do Dolce Stil Nuovo e do Petrarca, o espírito dos trobadores occitanos continúa sen interrupción na lírica do Renacemento e chega sen ruptura aos nosos días.
Esta escolma comprende máis de 180 poemas duns oitenta trobadores que van dende o duque Guillerme IX de Aquitania, auténtico fundador da poesía moderna europea, até o crepuscular Guiraut Riquièr, pasando por Jaufré Rudèl, Marcabrú, Bernart de Ventadorn, Raimbaut d’Aurenga, Guiraut de Bornelh, Guilhem de Berguedan, Arnaut Danièl, Bertran de Bòrn, a Condesa de Dia, Raimbaut de Vaqueiràs, Pèire Vidal, Uc de Sant Circ, Sordèl, Pèire Cardenal ou Cerverí de Girona. A edición é bilingüe, cos textos occitanos establecidos e ortografados polo propio tradutor a partir das mellores edicións críticas, e cunha tradución en verso (que é a principal), feita á maneira das anteriores traducións poéticas de Darío Xohán Cabana, é dicir, en verso rimado, coma as d’A Divina Comedia, a Vita Nuova, o Cancioneiro de Francesco Petrarca ou a Antoloxía do Doce Estilo Novo. Ademais, acompáñase unha tradución literal para servir de chave de acceso á lectura dos textos orixinais. Os textos poéticos están precedidos por un amplo limiar histórico e literario, e seguidos por un apéndice no que, á parte das notas filolóxicas e eruditas convenientes para profundar nos textos, figuran biografías e análises críticas dos trobadores escolmados. A parte central da obra, é dicir, a que contén os poemas, ten un deseño especial do propio autor, a catro columnas por plana, contendo as páxinas pares os textos orixinais e as traducións literais, en dúas columnas desiguais, e as páxinas impares, simétricas, as traducións en verso xunto con algunhas notas de lectura. A poesía dos trobadores occitanos está aínda viva, e é un dos feitos fundamentais da historia literaria de Europa e do mundo. Para nós, os galegos, é aínda máis importante se cabe, pois a nosa poesía medieval, fundamento da nosa identidade literaria, é en certa maneira filla natural e lexítima dela. Esta antoloxía, unha das máis extensas que existen e única no mundo pola forma das súas traducións, é un recoñecemento desa débeda impagable.
|
|
| | << Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>
| | Resultados 9 - 12 de 58 |
|
|