|
con fausto, por ese rio acima |
|
O INSTITUTO DE ESTUDIOS CHAIREGOS ORGANIZA A Presentación do libro de poemas con fausto, por este río acima de Mª XOSÉ LAMAS XOVES, 30 DE DECEMBRO DE 2010 – 20,30 horas NA CASA DA CULTURA DE VILALBA O vindeiro xoves, 30 de decembro, ás 20.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar a presenta-ción do libro “Con Fausto, polo rio acima”, poemario da vilalbesa Mª Xosé Lamas, que edita o Instituto de Estudos Chairegos, esta vez coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, e que fai o nº 15 da súa Biblioteca Chairega.
En palabras de Mario Paz González, no postfacio do libro “(…) María Xosé Lamas propón neste poemario, unha visión do traxecto da vida coma soño, un soño lembrado coma un impasse vital, unha eternidade baleira de referencias espazo temporais, de ataduras ao inmediato, como vemos en “Un novo prego ao mar” e, sobre todo, en “Lembrando soños”. Pero a vida será tamén, parece concluír, un camiño, unha viaxe guiada polo fado, polo imprevisible cara á eternidade. (…) María Xosé Lamas constrúe, unha obra autónoma das pezas nas que se inspira, cunha voz lírica firme na que, no referido a aspectos formais –e do mesmo xeito que en Datando lembranzas–, o lector poderá descubrir a procura consciente dunha sonoridade, que ten moito de musical, e que –os que a coñecemos sabémolo– vai transformándose nunha constante deste poemario e, case poderiamos dicir, de toda a obra da autora. Para iso a poeta bota man de certos recursos retóricos entre os que podería destacarse a sutil combinación dunha rima nada artificiosa, natural, apenas perceptible ao oído, esvaecida na continuidade dos versos, diluída en diversas estruturas métricas nas que se move con vizosa soltura combinando, coma nun xogo sen fin, o heptasílabo e o endecasílabo co versolibrismo amétrico, as fermosas estrofas arromanzadas coa eterna frescura do haiku xaponés.” Intervirán no acto: Mª Xosé Lamas, autora da obra Moncho Paz, xornalista Bernardo García Cendán, sociólogo Manuel Castro Santamariña, presidente do IESCHA |
|
|
III RUTA POR GALICIA ADIANTE |
|

III RUTA POR GALICIA ADIANTE ANDANDO A TERRA…DO VAL DE LÓUZARA ROTEIRO LITERARIO FIZ VERGARA VILARIÑO Domingo, 24 de outubro de 2010 O Instituto de Estudios Chairegos organiza para domingo, día 24 de outubro, a III Ruta “Por Galicia adiante - Andando a Terra... do Val de Lóuzara”: Roteiro Literario Fiz Vergara Vilariño. As persoas que participen nesta III RUTA, poderán contemplar as fermosas paisaxes do Val de Lóuzara, un lugar máxico, cunha accidentada orografía e con altas montañas desde as que descenden incontables regatos que regan despois os fondos vales. Así mesmo, poderán contemplar as diversas esculturas que percorren o roteiro artístico-literario auspiciado pola Asociación Cultural Ergueitos na honra do poeta Fiz Vergara Vilariño.
A saída do autobús hacia Lóuzara-Samos, realizarase dende as inmediacións da Casa da Cultura de Vilalba, e está programada para as 9.30 horas do domingo, 24 de outubro de 2010. A ruta iniciarase no alto de Aira Padrón, descendendo ata a parroquia natal do poeta Fiz Vergara Vilariño, en Santalla de Lóuzara. A continuación, terá lugar a comida na Casa Rural de Aira Padrón.
O custo por participante fixouse en 25 €, para os/as socios/as do IESCHA, e 35 € para os non socios (inclúe comida e autobús). Os nenos e nenas menores de 16 anos pagarán 5 €.
As persoas interesadas en participar ou informarse da Ruta poderán facelo nos teléfonos: 639-246459 // 651-361628, ou comunicalo directamente a calquera membro da Xunta Directiva, ata o sábado, 16 de outubro.
|
|
|
PALAVRAS as maos os olhos os lábios a lingua a boca a vagina o pénis o espasmo e o espanto Instrumentos de Navegar Fernando Bouça (Caminha, 1950) Esta exposición é unha singradura e os distintos códigos utilizados nela son iso para nosoutras: Instrumentos de Navegar. Navegar vida e alcanzar unha forma de vincularse unha co mundo. $omos natureza, mais natureza capaz de pensarse a si mesma con palabras. Somos nomeados polas verbas e éstas delimitan o noso mundo, as nosas construcións mentais, e tamén a realidade social na que nos situamos e que construímos entre tod@s. As palabras constitúennos e izan fronteiras, murallas, pero tamén permiten derrubalas. Quizais é aí onde reside o poder inmenso da palabra, nas marxes, nos límites. No fondo habitámolas tanto como elas nos habitan a nós. Son o fogar mais poden ser o inferno. A súa forza arrástranos e tráenos desde a inocencia da infancia até a complexidade dos vivires adultos, tan diferentes en función dos discursos dominantes en cada un. Aquí as palabras son elemento pictórico e escultórico. Significante tanto como significado. Son a pel que nos limita e que ao mesmo tempo nos conecta co que aparentemente é exterior. Protexe o noso interior e sérvenos como substrato que nos alimenta e enriquece. Simultaneamente ocultan e revelan territorios insospeitados, erixen escenarios simbólicos que ás veces atravesamos felices mais outras terriblemente perdidos. Queremos xogar coas palabras e cos mundos que se constrúen a través delas, facer explícita a tea de racionalidade que crean, sen esquecer que hai todo un enramado profundo mediatizado, aínda que por sorte non totalmente determinado por ela. Cando nomeamos, eliximos, e traemos a un primeiro termo a “realidade”, que inevitablemente deixa nun segundo plano todas as outras posibilidades descartadas. Espazos baleiros nos lenzos, muros cerámicos nos que están prisioneiros poemas e seres, xogos perceptivos, os límites, as dualidades...; que con máis ou menos fortuna pretenden facerse eco de todo aquilo que queda semi-oculto tras a estela luminosa das palabras. Algunhas veces “o dicir” cobre, vela, e outras veces desvela todo un mundo interior que se oculta tras a máscara, tal e como se alude na sabedoría popular coa expresión “medias palabras” ou nos antigos conceptos de persoa e de verdade (aletheia) no teatro grego. As palabras son máxicas. Evocan e crean universos cheos de beleza que poden reivindicar realidades diferentes, e por que non, cambiar o mundo e a posición dos individuos nel, sen esquecer que pola súa ambivalencia poden ter o poder inverso de sumerxirnos en sub-mundos cargados de terror. Hai case 2500 anos, Gorxias dicía que a palabra modela a alma. Esta “pode eliminar o temor, suprimir a tristeza, infundir alegría ou aumentar a compaixón”. O antigo filósofo sofista sinalaba o fío estreito do que pendura a liberdade cando entra en xogo a suxestión das verbas. Tal e como el nos lembra, seducidos polas palabras non hai culpa, tan só mala sorte. Motivados por elas os nosos pasos poden dirixirse a fines moi distintos, alcanzar as metas máis loábeis ou caer enredados nas trampas da linguaxe. Os textos prisioneiros nas obras son un regreso ao noso interior, un camiñar quedo cara territorios afastados do exceso de información que vivimos na nosa época desnortada. Amor á vida e pola beleza que nela existe, paixón pola investigación plástica a través de conceptos, procura de estratexias, de sendas para atoparnos a nós mesmas...; todo elo non sempre conseguido e polo tanto aberto a novas posibilidades. Paradóxicamente esta mostra reflicte a nosa falta de palabras, o extravío entre os códigos, e a nosa necesidade insubornable de abeirarnos na arte.
Carmen Cabaneiro e Beatriz S. Saá Terra Chá, xa Outono de 2010 INAUGRACIÓN: SÁBADO, 9 DE OUTUBRO DE 2010, ÁS 19 HORAS NO AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA
DO 9 A0 29 DE OUTUBRO |
|
| | << Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>
| | Resultados 21 - 24 de 58 |
|
|