DEBATE MUNICIPAIS-2011

 DEBATE ELECTORAL


Municipais-2011


Sábado, 14 de maio de 2011


Centro Cultural e Recreativo de Vilalba



 O Instituto de Estudios Chairegos “Pena do Encanto” incluíu na súa programación do ano 2011 a realización dun debate coincidindo coas eleccións municipais do vindeiro 22 de maio.
Con este motivo, o IESCHA, xunto co xornal dixital A VOZ DE VILALBA, organiza un debate que se celebrará o vindeiro día 14 de maio, a partir das 20,00 horas, no salón de actos do Centro Cultural e Recreativo. 

O acto será moderado polo xornalista MONCHO PAZ, e nel participarán os tres cabezas de listaxe dos partidos que presentaron as súas correspondentes candidaturas: Tereixa Burgo García, polo BNG; Gerardo Criado Guizán, polo PP, e Eduardo Vidal Baamonde, polo PSOE.

O IESCHA convida a todos os cidadáns do concello de Vilalba a asistir ao mencionado acto, para que podan coñecer por boca dos tres candidatos os correspondentes programas electorais, que pretenden constituír outras tantas propostas de solución aos problemas que cómpre resolver para conseguir un futuro mellor para o noso concello. 


 
PRESENTACIÓN DO LIBRO
“EN CASTELLANO NO HAY PROBLEMA”

de CARLOS CALLÓN

VENRES, 13 DE MAIO DE 2011 - 20,30 horas


CASA DA CULTURA DE VILALBA


 O vindeiro venres, día 13 de maio, ás 20,30, na Casa da Cultura de Vilalba terá lugar a presentación do libro “En castellano no hay problema”, do que é autor Carlos Callón, presidente de A MESA pola Normalización Lingüística.

Carlos Callón une neste libro textos que abordan a situación do idioma galego nos últimos tres lustros, deténdose con máis vagar na política lingüística do período do bipartito e do comezo da lexislatura de Alberto Núñez Feijóo. Nestas páxinas o autor, ademais de rebater con argumentos algúns dos prexuízos e tópicos máis asentados contra a lingua galega, analiza a situación do idioma, repasa reivindicacións, presenta alternativas, convida ao protagonismo individual para transformar a sociedade e alerta das medidas que deberían adoptar os poderes públicos. En castellano no hay problema é, en definitiva, un libro útil e operativo para a encrucillada en que se encontran a nosa lingua e a nosa cultura. (AGAPEA.COM)

No acto intervirán o propio autor do libro, Carlos Callón, e Xosé Mª Felpeto Enríquez, membro da Xunta Directiva do IESCHA.

 ______________________________________________________________________

Carlos Manuel Callón Torres, nado en Santa Uxía de Ribeira o 26 de agosto de 1978, é licenciado en filoloxías galega e portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerce como profesor de lingua e literatura galega no ensino secundario.

Foi concelleiro por parte do BNG na súa vila natal entre xaneiro de 2001 e xuño de 2002, e membro do Consello Asesor de RTVE en Galicia entre 2001 e 2002. A partir de 1995 ocupou diversas responsabilidades na Mesa pola Normalización Lingüística, organización de cuxa xunta directiva nacional é membro dende 1995 e que preside desde 2002. É presidente tamén do padroado da Fundación Vía Galego, desde a súa constitución en 2006. Preside tamén a Fundación Via Galego e a federación estatal Diverslinguae, desde a constitución de ambas, en 2006 e 2008, respectivamente.É membro do grupo Galabra da USC e do consello de redacción de Longalingua. Publicación galega de lingua e sociedade. Colaborou nos primeiros pasos da Biblioteca Virtual Galega, da Universidade da Coruña.

Obra

É autor de diversos traballos centrados na sociolingüística e mais nos estudos literarios, dados a coñecer en diferentes congresos e revistas especializadas. Así mesmo, é autor dos libros Unha historia que nos pertence (A obra poética en galego de Lorenzo Varela) (2005) e En castellano no hay problema (2010) -o libro que se presenta neste acto-, no cal aborda a situación do idioma galego nos últimos tres lustros, facendo especial fincapé na política lingüística do bipartito e do comezo da lexislatura de Alberto Núñez Feijóo.

En febreiro de 2011 gañou o XVI premio Vicente Risco de Ciencias Sociais coa obra Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, na que analiza a aceptación da adelphopoiesis na Idade Media. Entre outra documentación, analiza un documento de 1061 recollido no Tombo de Celanova, polo cal Pedro Díaz e Muño Vandilaz subscribían unión en Rairiz de Veiga. 
 
OS OLANO: DE ZALDIBIA A VILALBA

PRESENTACIÓN DO LIBRO
“OS OLANO: DE ZALDIBIA A VILALBA”
Cartas executorias e limpeza de sangue de 1772

VENRES, 6 DE MAIO DE 2011 - 20,30 horas
CASA DA CULTURA DE VILALBA

 

 O vindeiro venres, día 6 de maio, ás 20,30, na Casa da Cultura de Vilalba terá lugar a presentación do libro Os Olano: de Zaldibia a Vilalba. Cartas executorias e limpeza de sangue de 1772, do que é autor José-Luis Novo Cazón.

No acto intervirán, ademais do autor: Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, director do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento; Pablo Otero Piñeyro-Maseda, doutor en Historia; un representante da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo; e Manuel Castro Santamariña, presidente do IESCHA.Esta monografía é a primeira dunha serie na que o autor da mesma pretende abordar o estudo da fidalguía chairega, da que, na actualidade, apenas se coñecen máis que os nomes das liñaxes e os pazos e casas grandes que ergueu.

O libro que se vai presentar é, xa que logo, unha achega inicial á rica historia deste primeiro banzo da nobreza da Terra Chá, que tanta importancia tivo ao longo do Antigo Réxime. Ela foi a que exerceu o mando nesta Terra.

As cartas executorias acreditativas da condición fidalga de Antón e de Manuel Olano, ditadas pola Sala de Fidalgos da Chancelaría de Valladolid, así como tamén da limpeza do sangue azul que corría polas súas veas, son os documentos fundamentais que permiten reconstruír o percorrido desta liñaxe vasca dende o berce de Zaldibia (Guipúscoa) até os confortables acougos de Fresneda de la Sierra (Burgos), Madrid, Mondoñedo, Vilalba e outras latitudes.Este libro consta de dúas partes: unha ampla introdución sobre a fidalguía e máis a sinalada traxectoria vital dos Olano e, deseguido, a transcrición íntegra de ambos cartas, cuxas sentenzas se produciron en 1772. 


 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

Resultados 13 - 16 de 58