IV CERTAME DE PINTURA RÁPIDA

 

   O Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba (Lugo) convoca o IV Certame de Pintura Rápida, de acordo coas seguintes



Bases


1. LUGAR E DATA DA CELEBRACIÓN

Domingo, 3 de xuño do 2012, en Vilalba (Lugo)


2. PARTICIPANTES

Poderán participar todos os artistas que o desexen. Acudirán provistos do material necesario, incluíndo o cabalete onde se expoñerá a súa obra.


3. SOPORTE

Só se admite un soporte por concursante. A tea, papel ou taboleiro debe estar montado sobre bastidor ou material ríxido, totalmente en branco e de superficie lisa. O tamaño será dun mínimo de 50 cm. e dun máximo de 116 cm. en calquera dos seus lados.


4. SELADO

Os participantes presentaranse o mesmo día do Certame na Praza da Constitución de Vilalba entre as 9:00 e as 11:00 horas para o selado e numeración do soporte. Os que o desexen poderán selar dous soportes, aínda que só poderán presentar un a concurso.


5. TEMA

A zona urbana de Vilalba -é día de Feira-, Paseo Fluvial e zona recreativa da Madalena. O cadro pintarase diante do motivo escollido polo/a pintor/a (in situ) e ha de ser perfectamente recoñecible, non aceptándose o uso de fotografías, reproducións, etc. para a realización da obra. A organización supervisará a situación de cada participante.

 

6. TÉCNICA

As técnicas pictóricas admitidas serán: óleo, acrílico e acuarela.


7. ENTREGA E EXPOSICIÓN

O Certame finaliza ás 17:30 horas, debendo presentarse todos os participantes cos seus traballos sen asinar nos soportais da Praza da Constitución para ser expostos a continuación nos seus cabaletes. Membros da organización recollerán dende as 16:00 horas as obras daqueles que o desexen.


8. XURADO

O Xurado estará composto polo Presidente do Instituto de Estudos Chairegos (ou persoa en quen delegue) e dúas persoas relacionadas co mundo da arte.


9. DITAME E ENTREGA DE PREMIOS

O Xurado reunirase unha vez expostas as obras para elixir as premiadas. O ditame, que será inapelable, darase a coñecer sobre as 19:00 h., procedendo de inmediato á entrega dos premios. As persoas premiadas deberán asinar as súas obras.

10. PREMIOS

O Certame estará dotado cos seguintes premios:


1º: 1.200 €

2º:    900 €

3º:    700 €


O Xurado poderá declara
r deserto algún dos premios.


11. PROPIEDADE DAS OBRAS

As obras premiadas pasarán a ser propiedade da entidade que outorga os premios, que tamén se reserva os dereitos de reprodución.


12. EXPOSICIÓN E VENDA

As obras non premiadas poderán continuar expostas para a súa venda ao público ata as 20,00 horas, debendo ser retiradas polos autores a partir dese momento.

13. CONFORMIDADE

A participación supón a plena aceptación das presentes bases, así como calquera modificación sobre estas que redunde no beneficio do Certame.


 

 
OS CAMIÑOS DA CHAIRA NA POESÍA

 PRESENTACIÓN DO LIBRO "OS CAMIÑOS DA CHAIRA NA POESÍA"

Vilalba acollerá o vindeiro venres 11 de maio, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de  Vilalba, a presentación do libro “Os camiños da Chaira na poesía”, unha antoloxía poética de autores chairegos do século XX coa imaxe dos nosos CAMIÑOS na  lembranza, como expresión literaria e sentimental das propias emocións. A edición, numerada, foi preparada pola Equipa de Normalización Lingüística do I.E.S. Basanta Silva (Vilalba) en apoio á declaración dos camiños do Norte como patrimonio mundial  pola UNESCO. As imaxes foron cedidas polo Instituto de Estudios Chairegos.
No acto intervirán: Pepe Legazpi, director do IES Basanta Silva; Javier Bañobre, Vicepresidente da ANPA; os profesores José-Luís Novo Cazón e Ricardo Polín, e o presidente do IESCHA, Manuel Castro Santamariña.

Aínda que as institucións locais non se teñan implicado o suficiente e mesmo os territorios afectados non sexan conscientes da importancia deste evento, o certo é que
neste intre a UNESCO está a revisar a candidatura conxunta apresentada polos gobernos da cornixa cántabra (Galiza, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e La Rioja) para que os chamados “camiños do Norte” obteñan este ano a proclamación oficial como Patrimonio Mundial e, por ende, o seu recoñecemento como as vías a Compostela máis antigas do mundo.

A iniciativa é consecuencia do acordo tomado hai un ano polo Consejo del Patrimonio Histórico Español, de tal xeito que o Estado español concorreu en 2012 coa candidatura dos Caminos de Santiago del Norte de la Península, incluíndo o Camiño da Costa que se adentra pola Terra Chá, o Camiño Primitivo por Lugo, o Camiño interior vasco, a Rota lebaniega e o camiño navarro “do Baztán”.

Dado que a UNESCO valora especialmente o compromiso dos diferentes sectores sociais co elemento patrimonial obxecto de protección, a Equipa de Normalización Lingüística do Instituto Basanta Silva de Vilalba veu traballando desde hai ano e medio nun proxecto cultural e educativo que divulgase e avalase esta candidatura, facéndoo desde a consideración dos camiños tradicionais como itinerarios de carácter espiritual que propician o encontro do ser humano consigo mesmo e o cultivo das emocións na procura dun sentido para a vida, un camiño interior que atopa o seu eco na voz dos poetas chairegos do século XX a través dunha fermosa antoloxía onde a palabra se confunde coa imaxe dos nosos CAMIÑOS na lembranza, expresión literaria e sentimental en prol da que colaborou o IESCHA con fotografía antiga de escenas camiñeiras e vellas calzadas na xeografía chairega de outrora.
Un proxecto nado en Vilalba e que no seu momento xa permitiu humanizar con poesía dos camiños a rehabilitada rúa Porta de Cima, paso da rota xacobea Norte pola capital da Terra Chá. Un pequeno fetiche que algún día servirá para conmemorar o día en  que os camiños do Norte gozaron da máis alta distinción, incluíndo un coidado limiar sobre o histórico vincallo existente entre o mundo das letras e os camiños de toda a vida, tamén o complexo vieiro polo que transitou secularmente a nosa lingua. (R. Polín)


 

 
ASEMBLEA XERAL ORDINARIA

 ASEMBLEA DO IESCHA-NO SALÓN DE ACTOS DO CENTRO CULTURAL E RECREATIVO DE VILALBA-30 DE MARZO'2012-20:30

O Instituto de Estudios Chairegos convoca a todos os seus asociados á Asemblea Xeral Ordinaria que terá lugar no Salón de Actos do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba (e non na Casa da Cultura, como estaba fixado nun principio), mañá venres, día 30 de marzo de 2012, ás 20,15 horas en primeira convocatoria -20,30 horas en
segunda-, coa seguinte:

ORDE DO DÍA

1.- Lectura da Acta da anterior Asemblea.
2.- Memoria de Actividades do ano 2011.
3.- Plano de Actividades para o ano 2012.
4.- Estado de contas. Balance económico ano 2011.
5.- Orzamento ano 2012.
6.- Propostas da Xunta Directiva.
7.- Rogos e preguntas.

 

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

Resultados 1 - 4 de 63