OBRA COMPLETA DE GARCÍA MATO

PRESENTACIÓN DO LIBRO


”OBRA COMPLETA – Vol. I POESIA – Vol. II PROSA”

de XOSÉ LUÍS GARCÍA MATO


Venres, 11 de xuño de 2010 – 20,30 horas
 Salón de Actos do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba          

 

 O vindeiro venres, día 11 de xuño, ás 20´30 horas, o Instituto de Estudios Chairegos organiza a presentación, no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, da Obra Completa de Xosé Luís García Mato, financiada pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo. 

A recollida e ordenación da materia prima literaria que compoñen os dous volumes desta obra foi realizada por Xosé Luís García Ferreiro, o fillo maior de Xosé L. García Mato-. A Obra Completa conta con estudos de Darío Xohán Cabana, Agustín Fernández Paz e Bernardo García Cendán, que analizan respectivamente os escritos de poesía, relatos e xornalísticos.  

No acto de presentación intervirán Antón Bao, Vicepresidente Primeiro da Deputación; Xosé Luís García Ferreiro, fillo do autor da obra; Darío Xohán Cabana, poeta e prologuista do libro; Bernardo García Cendán, sociólogo e prologuista do libro, e Manuel Castro Santamariña, presidente do IESCHA. 

Xosé Luís García Mato (1924-1980), fillo de Antonio García Hermida (1885-1939), poeta, cofundador  da Irmandade da Fala de Vilalba, e sobriño-neto de Manuel Mato Vizoso (1846-1909), foi un dos piares fundamentais do quefacer cultural de Vilalba no século XX. Ademais dunha fermosa obra poética e en narrativa, escribiu centos de artigos en diferentes xornais e nos programas das festas patronais vilalbesas e fixo achegas moi importantes ao estudo da historia da Terra Chá. 

En palabras escritas polo patriarca chairego Manuel María no prólogo do libro: Seis escritores de Villalba. Escola poética, publicado polo Colexio Público Antonio Ínsua Bermúdez, en 1986: Xosé Luís García Mato “pra nós era Vilalba: o seu escuro, poderoso e grorioso pasado. Mais tamén unha indomabel chama apaixoada,ardendo xenerosa, alumando o tempo menesteroso que lle tocou vivir (...) esa chama segue ardendo nos seus versos de amor á terra e de descobremento máxico do home, no que este ten de arrepiante, de ledo e de gozoso”.

 

 
DEBATE SOBRE O GALEGO
 O conflito lingüístico arredor do Decreto do Galego centrará o debate entre PP, PSOE e BNG do venres 4 de xuño en Vilalba

A aprobación do Decreto do Plurilingüismo no Ensino por parte da Xunta de Galicia o pasado 20 de maio volveu a situar á lingua no centro da polémica. Mentres a oposición considera que esta normativa afectará ao uso do galego e xulga que será un grave retroceso lexislativo, o Executivo galego defende a súa utilidade para que os alumnos poidan dominar o español, o galego e o inglés, e establezan unha base para un futuro trilingüismo. Para debater esta e outras cuestións relacionadas co conflito desatado polo chamado “Decreto do Galego”, o xornal Terra Chá.Xa e o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) organizan un debate entre representantes do BNG, o PP e o PSdeG. Polos nacionalistas acudirá Antón Bao, vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo e responsable comarcal do BNG; polos populares acudirá Agustín Baamonde, deputado no Parlamento de Galicia e responsable de política lingüística na Executiva do PPdeG; e polo PSOE achegárase Xosé Carlos Ferreiro, secretario de Educación da Executiva Provincial socialista. O debate será moderado polo xornalista vilalbés Xulio Xiz A cita será no Salón de Actos do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba o vindeiro venres 4 de xuño, ás 20.15 horas. O acto será retransmitido en directo por Radiofusión (Rede de Emisoras Municipais Galegas) a partir das 20.30 horas.


 
 
LETRAS GALEGAS 2010

CONFERENCIA-RECITAL DAS LETRAS GALEGAS

 

CAEN AS FOLLAS 

 

Versos a NOVONEYRA

 

 

A CARGO DE RICARDO POLÍN

Coa colaboración do Centro Dramático Vilalbés

Entrega do diploma de Socio de Honra do IESCHA a ANXO LAMAS

VENRES, 21 DE MAIO DE 2010-20,30 horas

SALÓN DE ACTOS DO CENTRO CULTURAL DE VILALBA

 

Dentro das actividades programadas co gallo das Letras Galegas, o Instituto de Estudios Chairegos, en colaboración coa Sociedade Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, organiza unha conferencia-recital a cargo do profesor Ricardo Polín, que contará coa participación do Centro Dramático Vilalbés.

O acto, que leva por título CAEN AS FOLLAS – VERSOS A NOVONEYRA, terá lugar no Salón de Actos do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba o vindeiro venres, día 21 de maio de 2010, ás 20,30 horas, e no mesmo intercalaranse recitados poéticos con proxeccións de videos e audicións musicais. 

No mesmo acto, levarase a cabo tamén a entrega do diploma de Socio de Honra a ANXO LAMAS, nomeamento recientemente concedido pola Asemblea Xeral do Instituto de Estudios Chairegos.     

     VER CARTAZ


 
ASEMBLEA XERAL

CONVOCATORIA ASEMBLEA XERAL ORDINARIA

 Convócase Asemblea Xeral Ordinaria que terá lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura, o día 16 de abril de 2010, ás 20,15 horas do serán en primeira convocatoria -20,30 horas en segunda-, coa seguinte:  

ORDE DO DÍA 

            1.- Lectura da Acta da anterior Asemblea.

            2.- Memoria de Actividades do ano 2009.

            3.- Plano de Actividades para o ano 2010.

            4.- Estado de contas. Balance económico ano 2009.

            5.- Presuposto ano 2010.

            6.- Propostas da Xunta Directiva.

            7.- Rogos e preguntas. 

Unha vez rematada a Asemblea terá lugar, no restaurante Terra Chá,  unha cea conmemorativa do X Aniversario da fundación do IESCHA


 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

Resultados 31 - 35 de 59

Acceso






¿Recuperar a chave?
¿Quérese rexistrar?
Rexístrese aquí

¿Quen está en liña?

Hai 13 convidados en liña