|
Ramón Chao falará en Vilalba da súa traxectoria vital e da súa experiencia como xornalista
Vilalba, 12 de abril de 2011.- Ramón Chao regresa a Vilalba. Músico, escritor, xornalista, pai do famoso cantante Manu Chao e irmán do teólogo Xosé Chao Rego, estará na capital da Terra Cha o vindeiro venres 15 de abril. Será para falar sobre a súa traxectoria vital e a súa experiencia profesional no eido da comunicación, nun acto organizado conxuntamente por A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), que terá lugar ás 20:30 horas na Casa da Cultura. O conferenciante será presentado polo xornalista Moncho Paz, recentemente galardoado co Premio de Xornalismo Johán Carballeira por unha entrevista a Ramón Chao, realizada o ano pasado en París e publicada en distintos medios. Ramón Chao naceu en Vilalba en 1935 e criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais, onde adoitaban parar, de paso pola nosa vila, Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro. Sendo bolseiro polo Concello de Vilalba e e pola Deputación de Lugo, trasladouse a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato. De Madrid foise a París cando tiña vinte anos, cunha bolsa do Goberno español. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France “porque falaba galego”, segundo confesa, “pois buscaban un locutor que soubera música e portugués”. En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas en galego, que serían prohibidas por Franco, e foi correspondente da revista Triunfo. Tamén traballou na prensa e na televisión francesas e foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet. Conta no seu haber con máis de dez libros, entre novelas e biografías, un deles escrito en galego, O Camiño de Prisciliano, con cuberta deseñada polo artista Miquel Barceló. Asemade, a súa novela El lago de Como, publicada en 1982, foi traducida ao galego en 2008. |
|
|
IDENTITAS-COLECTIVO 20 65 |

EXPOSICIÓN IDENTITAS
Colectivo 20 65
O vindeiro 2 de abril, ás 20 h. no Auditorio Municipal de Vilalba, terá lugar a presentación da exposición do Colectivo Artístico 20 65. Este grupo fórmase a partir da realización do Máster de Arte, Museoloxía e Crítica Contemporánea, organizado polo Departamento de Historia da Arte da Facultade de Xeografía e Historia e pertencente a Universidade de Santiago de Compostela, durante o curso académico 2009/2010 e en colaboración co Cgac. Constituído por nove mulleres cunha formación heteroxénea e procedentes de distintos ámbitos do coñecemento, coinciden na arte. Na mostra do Colectivo Identitas será posible ver propostas de fotografía, audiovisuais, pintura, gravado, escultura, instalación... que xiran arredor da visión que as distintas creadoras teñen do concepto identidade. Un constante constituírse no tempo e en diálogo cos outros, coas circunstancias externas e co propio interior, un recordo, unha experiencia ou unha fisura, un afincamento xeográfico, de procendencia e orixe., unha dualidade, un desdobramento, ou un camiño aberto en múltiples direccións… son algúns dos aspectos a través dos cales abordan este punto de partida no comezo da súa andaina artística. Esta mostra estará aberta ata o 30 de abril en horario de apertura do Auditorio Municipal. A identidade remite a unha dualidade de trazos; por unha parte están aquelas características que fan a un individuo único, distinto dos demais, e por outra as liñas definitorias que se comparten no colectivo no que se integra. Tal como dicía Wittgenstein “A implica Non-A”; o mesmo que reside baixo a moi citada “Rose is a rose is a rose” escrita pola man de Gertrude Stein no seu poema Sacred Emily, que non facía outra cousa que falar do concepto da identidade, “as cousas son o que son”.20º65 (20º C / 65% de humidade, condicións óptimas para a conservación dunha obra de arte) preséntase publicamente como colectivo, e amósase sinxelamente como o que é: un grupo de identidades totalmente distintas baixo intereses comúns; constituímonos coma unha suma de individualidades que mediante a intensa colaboración entre as mesmas, argallamos un substrato artístico no que comezar a sementar novos proxectos.Esta primeira exposición do colectivo, IDENTITAS toma a identidade como liña temática, unha identidade que é dialóxica, un constante construírse no tempo e en diálogo cos outros, coas circunstancias externas e co propio interior. Identidade como recordo, como experiencia, como fisura, como destrución e reiterada reconstrución. Identidade como afincamento xeográfico, como procedencia, como orixe. Identidade como dualidade, como desdobramento, como un camiño aberto a múltiples direccións, como imaxe no espello, un símbolo da conciencia, un eco da realidade. Colectivo 20º65 BEATRIZ SUÁREZ SAÁ - SILVIA CAPELO - PAULA CABALEIRO - LIDIA COSTA - CAROLINA CALUORI - PAZ VICENTE - BASILISA FIESTRAS - MAGATZEM 909 MC - CARMEN CABANEIRO
|
|
Na ultima Asemblea do IESCHA, celebrada o pasado 25 de marzo, aprobouse o seguinte plano de actividades para o presente ano 2011:XANEIRO -Presentación Caderno de Estudos Chairegos nº5 -Envío lote libros 2010 aos socios: Caderno nº 5, Calendario 2011 –xentileza de Junor-, Poemario “con fausto, por este río acima” de Mª Xosé Lamas MARZO
-Asemblea Xeral (25 de marzo de 2011, 20 – 20,30 horas, Casa da Cultura) Inclúe: Proposta de socio de honra do Iescha: Agustin Fernández Paz
ABRIL -Exposición do COLECTIVO 2065 (Carme Cabaneiro) do 2 ao 30 de abril de 2011, no Auditorio Municipal
MAIO -6 de maio: presentación de “Os Olano: De Zaldivia a Vilalba”, de Novo Cazón -13 de maio: presentación libro de Carlos Callón (MNL) “En castellano no hay problema” -Posible Debate eleccións municipais: PP- PSOE- BNG -Letras Galegas: Entrega de diploma socio honra Agustín Fernández Paz -Edición e presentación do libro de Rafael Yáñez: “Da Chá ao Lonxe”
XUÑO -XI Ruta Chairega
XULLO -III Certama Pintura Rápida de Vilalba
AGOSTO -Exposición San Ramón: Pintura // Escultura
SETEMBRO -VI DÍA DA CULTURA CHAIREGA: Posibilidade de facer un acto con Jorge Coira e Luis Tosar (proxección da película “18 comidas”, etc.)
OUTUBRO -IV Ruta por Galicia Adiante: Fragas do Eume -Edición e presentación libro Novo Cazón: “Fidalguía da Terra Chá (Os Raña)”
NOVEMBRO -Edición e presentación libro Vicente Piñeiro “A Cova do Adeus”
DECEMBRO -Edición e presentación Boletín Pena do Encanto nº6 -Edición e presentación libro “Cruceiros de Vilalba” (I) de Fernando Arribas, Xosé M. Blanco e Mario Saavedra
|
|
|
A Asemblea Xeral Ordinaria do Instituto de Estudios Chairegos “Pena do Encanto” terá lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura de Vilalba, o día 25 de marzo de 2011, ás 20,15 horas en primeira convocatoria -20,30 horas en segunda-, coa seguinte:
ORDE DO DÍA ASEMBLEA XERAL ORDINARIA 1.- Lectura da Acta da anterior Asemblea. 2.- Memoria de Actividades do ano 2010. 3.- Plano de Actividades para o ano 2011. 4.- Estado de contas. Balance económico ano 2010. 5.- Presuposto ano 2011. 6.- Propostas da Xunta Directiva. 7.- Rogos e preguntas. |
|
| | << Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>
| | Resultados 16 - 20 de 58 |
|
¿Quen está en liña?
Hai 78 convidados en liña
|