|
|
CONFERENCIA DE IGNACIO RAMONET |
|
CONFERENCIA A CARGO DE
Ignacio RAMONET
“A EXPLOSIÓN DO XORNALISMO”
DOMINGO, 27 DE NOVEMBRO DE 2011 – 19:30 h.
CENTRO CULTURAL E RECREATIVO DE VILALBA
O vindeiro domingo, 27 de novembro, Vilalba terá a oportunidade de escoitar as reflexións de Ignacio Ramonet (Redondela, Pontevedra, 5 de maio de 1943), xornalista galego establecido en Francia -onde na actualidade dirixe a edición española de Le Monde Diplomatique- e unha das figuras máis importantes do movemento antiglobalización.
Convidado polo xornal A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), Ramonet pronunciará unha conferencia no Centro Cultural e Recreativo ás 19:30 horas. O tema da mesma será “A explosión do xornalismo”, que coincide co título do seu último libro (Madrid, Clave Intelectual, 2011), onde reflexiona sobre a prensa escrita nun intre histórico onde o ecosistema mediático mudou a causa da revolución dixital e o desenvolvemento das redes sociais.
Ignacio Ramonet estará acompañado polos xornalistas vilalbeses Ramón Chao e Moncho Paz. De feito, a súa presenza en Vilalba forma parte do proceso de reconciliación de Chao con Vilalba, onde regresou o pasado mes de abril para participar nun acto de similares características organizado polas mesmas entidades.
Natural de Galicia, Ramonet creceu en Tánxer onde os seus pais, republicanos españois que fuxían de Franco, instaláronse en 1948. Estudou na Universidade de Bordeaux e regresou a Marrocos. En 1972 trasladouse a París, onde se iniciou como xornalista e crítico cinematográfico. É doutor en Semioloxía e Historia da Cultura pola École deas Hautes Études en Sciences Sociais (EHESS) de París e catedrático de Teoría da Comunicación na Universidade Denis-Diderot (París-VII).
Especialista en xeopolítica e estratexia internacional e tamén consultor da ONU, actualmente imparte clases na Sorbona de París. Dende 1990 ata 2008 foi director da publicación mensual Le Monde Diplomatique e a bimensual Manière de voir. É cofundador da organización non gobernamental Media Watch Global (Observatorio Internacional dos Medios de Comunicación) da que é presidente.
Un editorial escrito en Le Monde Diplomatique durante 1997 deu lugar á creación de ATTAC, cuxa labor foi dedicar orixinalmente á defensa da taxa Tobin. Na actualidade dedícase á defensa dunha gran variedade de causas da esquerda política e ten como presidente de honra a Ignacio Ramonet. Foi tamén un dos promotores do Foro Social Mundial de Porto Alegre.
É Doutor Honoris Causa da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Nacional de Córdoba (Arxentina). Ignacio Ramonet foi galardoado en numerosas ocasións e é autor de varios libros, a maioría traducidos a diversas linguas. |
|
| Presentación do libro A Cova do Adeus Libro primeiro das crónicas do país mítico no que sempre chove de Vicente Piñeiro Venres, 18 de novembro de 2011 – 20,30 horas CASA DA CULTURA DE VILALBA |
O Instituto de Estudios Chairegos de Vilalba edita un novo libro pertencente a colección Biblioteca Chairega. É o número 19 e leva por título: “A Cova do Adeus. Libro primeiro das crónicas do país mítico no que sempre chove”, do que é autor o escritor lucense Vicente Piñeiro. Esta novela recibiu o Premio Pedrón de Ouro correspondente ao ano 2005. O acto de presentación do referido libro terá lugar o vindeiro venres, día 18 de novembro de 2011, ás 20,30 horas na Casa da Cultura de Vilalba. Intervirán: Manuel Castro Santamariña, presidente do IESCHA; José-Luis Novo Cazón, profesor, historiador e escritor, e Vicente Piñeiro González, topógrafo e autor do libro. O rei Cintoulo do país mítico onde sempre chove, quere casar á súa filla a princesa Xila. Para iso van pasando diversos pretendentes pola cidade de Bría que piden a súa man. Entre eles preséntase o rei Tuba de Oretón que tamén é bruxo. E como o rei Cintoulo non accede a concederlle a man da súa filla, Tuba de Oretón, de acordo co seu consello de magos, decláralle a guerra e anuncia que se casará coa princesa. Polas boas, mellor. Polas malas, tamén. Para loitar contra el, o rei Cintoulo manda a Xan Soldado recrutar personaxes e seres da mitoloxía galega, sobre todo ao Home Deus que vive na Illa de Ons…
VICENTE PIÑEIRO GONZÁLEZ (Lugo 1954) é Topógrafo e dedicou a súa vida profesional a traballar na Enxeñería Civil. Poeta, dramaturgo e narrador. Autor de 11 libros de poesía, moitos de cuxos poemas foron publicados en antoloxías nacionais; sete novelas, e catro libros de relatos para os máis novos; ten dez obras de teatro, as cales algunhas foron representadas en Galicia, Arxentina e Cuba. O seu poema “Señor as túas pupilas son moi azuis” mereceu o Premio de Poesía do XXIX Certame literario do Excmo. Concello de Vilalba 2003, e a “Cova do Adeus” o Pedrón de Ouro no ano 2005.
|
|
|
PRESENTACIÓN LIBRO MANUEL LOUSA |
|
Presentación do Libro Destellos para la Historia de Villalba Capital de "A Terra Chá” de MANUEL LOUSA Venres, 28 de outubro de 2011 – 20,30 horas CASA DA CULTURA DE VILALBA
O vindeiro venres, día 28 de outubro, a partir das 20,30, na Casa da Cultura de Vilalba, presentarase o libro Destellos para la Historia de Villalba, capital de “A Terra Chá”, do que é autor Manoel Lousa Rodríguez, betanceiro afincado na Coruña e próximo xa aos seus ben levados oitenta e nove anos. O dono consorte do pazo de Pumares (San Paio de Arcillá, Cospeito), autor desta nova obra, non é a primeira vez que se presenta aos lectores; con anterioridade xa deu ao prelo outros libros, dedicados ao Santuario da Virxe do Monte, á propia mansión de Pumares, á historia do seu Betanzos natal, etc. Por outra parte, nos seus anos mozos tamén se mergullou no mundo do xornalismo, fundando con outros rapaces betanceiros o períódico El Eco de las Mariñas. No acto da presentación da devandita obra intervirán, ademais do propio autor: - Manuel Castro Santamariña, presidente do Instituto de Estudios Chairegos, que organiza o acto. - Carme Pernas Bermúdez, historiadora con máster en Xestión Cultural. - José-Luis Novo Cazón, autor do limiar do libro que se presenta.
A esta nova concorrencia cultural do IESCHA están convidados, ademais das personalidades ás que se lles cursou a correspondente invitación, todos os vilalbeses e chairegos amantes do pasado da vila de Vilalba e da súa terra. A entrada a este acto será de libre acceso e ao final do mesmo ou autor asinará exemplares do libro presentado. |
|
Ler máis...
|
|
| | << Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>
| | Resultados 1 - 5 de 57 |
|
|